Dell estrea un portátil económico con procesador ARM

mércores, 15 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Os ordenadores portátiles con Windows baseados en arquitectura ARM, pese á súa eficiencia enerxética, non acaban de callar no mercado, pero o novo equipo de Dell pode axudar a mudar a situación, xa que o Dell Inspiron 14 con procesador Qualcomm Snapdragon 8cx Gen 2 (o mesmo equipo tamén existe con procesadores Intel e AMD) pode presumir dun deseño delgado, lixeiro, silencioso (sen ventiladores) e cunha autonomía de até 16 horas de duración por un prezo de só 499,99 dólares.
Este ordenador aínda non está no catálogo europeo de Dell, pero en vista das súas prestación podería recomendarse a estudantes ou profesionais que precisen dun equipo cunha grande mobilidade.
Este novo portátil está equipado con 8 GB de memoria RAM LPDDR4x, 256 GB de almacenamento NVMe, pantalla antireflexos Full HD de 14 polgadas, lector de tarxetas microSD, 2 portos USB-C, 1 porto USB-A, conexión para auriculares, webcam Full HD, 2 altofalantes, Wi-Fi 6 e Bluetooth 5.2, e mantén o seu peso en 1,44 quilogramos. Funciona con Windows 11 (modo S), e aínda que non é un equipo de grande potencia, pode ser dabondo para traballo en grupo e tarefas de produtividade, aínda que cómpre salientar que só permite instalar aplicacións dende a tenda integrada no sistema operativo.

Poder gozar de até 16 horas de autonomía é unha das grandes vantaxes do Dell Inspiron 14 con procesador Qualcomm

PUBLICIDADE