Dell leva a ultra alta definición a un monitor de 24 polgadas

luns, 2 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Tras unha lenta adopción da alta definición nos nosos fogares, a industria da electrónica de consumo busca levarnos un paso máis adiante, e quere que deamos o salto ao 4K, de xeito que dobraríamos a resolución actual chegando a ter nas nosas casas a resolución completa do cine dixital, para o que normalmente temos televisores de grande tamaño (actualmente podemos atopar no mercado modelos dunhas 80 polgadas), pero a ultra alta definición tamén pode chegar en formatos pequenos, como demostra o novo monitor Dell UltraSharp UP2414Q, que logra introducir unha resolución de 3.840 x 2.160 píxeles nun panel de só 24 polgadas.

O novo monitor de Dell goza dunha grande conectividade

Este novo monitor consegue unha definición sen precedentes no seu formato, o que claramente parece esaxerado para o consumo de contidos multimedia (xa que tal densidade de píxeles é difícil de percibir a simple vista) pero pode resultar de utilidade para tarefas profesionais, como o deseño industrial ou a edición de vídeo.
O Dell UP2414Q presume da tecnoloxía PremierColor (conseguindo unha grande precisión nas cores), ten un ángulo de visión de 178 graos (en vertical e horizontal), permite un bo axuste da súa inclinación e impresiona pola súa grande conectividade: 1 conector HDMI, 1 Mini DisplayPort, 1 DisplayPort (1.2a), 1 entrada USB 3.0 que reparte en 4 portos USB 3.0 e 1 lector de tarxetas de memoria.

PUBLICIDADE