Dell presenta o primeiro portátil 2-en-1 con pantalla de 17 polgadas

mércores, 1 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Non só os fabricantes asiáticos levan as súas novidades ao Computex de Taipei, senón que tamén fabricantes norteamericanos como Dell aproveitan a ocasión e anuncian alí ordenadores portátiles 2-en-1 con Windows 10 que destacan por partir de prezos de só 249 dólares e incluso polo feito de que un deses equipos sería o primeiro do mundo en ousar a adoptar tal formato cunha pantalla de 17 polgadas.


Os equipos económicos serían os Dell Inspiron 11 3000, que cunha pantalla de 11,6 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, procesador até Intel Core m3, unidade SSD e conectividade USB 3.0, buscan cubrir as demandas máis básicas, podendo empregarse como portátil, aínda que tamén podería empregarse a xeito de tableta colocando o teclado a xeito de soporte. Estes equipos partirían dun prezo de 249 dólares e chegarían a EE.UU. e China mañá mesmo.

O Dell Inspiron 13/15 5000 tamén chegaría mañá a EE.UU. e China a un prezo que partiría dos 529 euros, o que parece bastante axustado para uns equipos con pantalla Full HD de 13 ou 15 polgadas, que poden equiparse con até 16 GB de memoria RAM DDR4 e unidade SSD. Grazas ao seu peso son uns equipos moi atinados para empregar en mobilidade, e como prestacións destacadas teriamos que teñen un teclado retroiluminado e a súa webcam sería compatible co recoñecemento facial de Windows Hello.

E os produtos máis rechamantes serían os Dell Inspiron 7000, equipos 2-en-1 que chegarán en tamaños de 13, 15 e 17 polgadas, optando polo formato de bisagra de 360 graos para poder empregar o equipo a xeito de portátil ou de tableta, gozando de pantallas Full HD, teclado retroiluminado, unidade SSD, webcam con soporte de recoñecemento facial, porto USB-C e procesadores Intel Core de seta xeración, de xeito que teriamos uns equipos moi completos que mañá mesmo chegan a EE.UU. e China a un prezo que parte dos 749 dólares.
Temos así unha completa gama de equipos portátiles que se adaptan a moitos escenarios de uso e que teñen uns prezos moi axustados, converténdose así nunha proposta ideal para os que busquen o equilibrio entre versatilidade e prezo.

Os novos equipos portátiles de Dell destacan pola súa versatilidade a prezo contido

PUBLICIDADE