Dell presenta unha pantalla de 23 polgadas 3D e e Full HD

martes, 19 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Nos últimos meses chegaron ás tendas pantallas de ordenador que en combinación cuns lentes especiais permiten a visualización de imaxes estereoscópicas, prestación da que habitualmente pode tirarse proveito nos videoxogos, aínda que os modelos presentes no mercado tiñan habitualmente unha resolución de pantalla de 1.680 x 960 píxeles, de aí que será ben recibido o monitor Dell Alienware AW2310 3D, que conta cunha pantalla de 23 polgadas a 120 Hz, cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles (Full HD), un brillo de 400 cd/m2, un contraste dinámico de 80.000:1 e compatibilidade coa tecnoloxía nVIDIA 3D Vision, de xeito que de combinarse cos periféricos atinados serve para levar a visualización en 3D a centos de xogos de ordenador.
Estamos ante un dos poucos monitores Full HD con capacidades 3D, de xeito que, cando non se use para ver imaxes estereoscópicas, tamén operará coma unha pantalla de alta resolución e calidade, cun prezo bastante contido (uns 500 dólares) para unha tecnoloxía aínda emerxente.

O monitor combinado cunha tarxeta gráfica de nVIDIA e uns lentes permite a visualización de imaxes estereoscópicas

PUBLICIDADE