Dell renova a súa tableta de 8 polgadas con Windows

mércores, 20 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Para usuarios profesionais que buscan levar enriba unha tableta con Windows 10 que teña a potencia dun ordenador completo, Dell vén de actualizar a súa Venue 8 Pro, de xeito que pasamos dunha tableta moi básica (con procesador Intel Atom Z3745D e 2 GB de RAM) que aínda está en catálogo a un prezo que parte dos 264 euros + IVE a unha tableta que na súa configuración máxima conta con pantalla de 8 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles, procesador Intel Atom X5 Z8500 a 2,4 GHz, 4 GB De RAM e 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), que resulta moi práctico para que busque un equipo potente e moi portátil.
Esta nova tableta ten unha batería de alta capacidade que pode alimentarse mediante o seu porto USB-C e unhas medidas de 216 x 130 x 9,45 milímetros, pesa 377,1 gramos e na súa versión con Wi-Fi custaría 419 euros + IVE, mentres que a versión con LTE tería un prezo de 499 euros + IVE.
Paralelamente Dell tamén ofrece versións desta tableta con pantalla cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles e 2 GB de RAM para conseguir un prezo máis axustado (entre 311 e 459 euros + IVE en función da súa configuración, no que tamén ten unha influencia importante o feito de optar por unha versión doméstica ou profesional do seu sistema operativo).

PUBLICIDADE