Demy, o lector de receitas electrónicas

luns, 30 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Nun momento no que moitos fabricantes tenden ao lanzamento de lectores de libros electrónicos non debería sorprender a especialización de dispositivos de lectura coma o Demy, que centraría o seu uso na receitas de cociña. Este trebello fuxiría da tinta electrónica e sería algo semellante a un marco dixital no que a deseño se refire, cunha pantalla táctil de 7 polgadas, conectividade USB e memoria interna como para almacenar ata 2.500 receitas. Amais, destaca por ser resistente a salpicaduras, o que faría que a súa integridade non perigase na cociña de calquera fogar.
Por desgraza, este produto está orientado só para o público de fala inglesa, que pode aproveitar as prestacións da web KeyIngredient.com para alimentar de información o Demy. Na mencionada web é posible atopar milleiros de receitas, que podemos organizar segundo os nosos gustos, e logo o Demy interpreta a información de xeito que pode presentar as cantidades de ingredientes segundo o que desexemos preparar, aforrándonos o traballo de calculadora, e facilitando así a preparación dos nosos pratos.

PUBLICIDADE