Deseñan móbiles auto-recargables

mércores, 27 de decembro do 2006 Marcus Fernández

Estamos moi afeitos a ter unha imaxe preconcibida do que son os teléfonos móbiles, pero de cando en vez nos sorprenden con modelos conceptuais que poderían ter moita influencia nos terminais futuros, coma os deseños de ModeLabs, empresa francesa que pretende que os móbiles poidan prescindir da súa recarga nunha toma de corrente, senón que se recargarían só co movemento do seu usuario.
Por unha banda presentaron o deseño YoYo, que sería un móbil que se podería pendurar do pescozo e se recargaría co movemento de bote do mesmo, mentres que o modelo U-Turn aproveitaría a enerxía de abrir e pechar o teclado para a súa recarga. Tampouco falta un terminal coñecido coma Runaway e que se levaría no pulso coma un reloxo, e que se cargaría tamén con movemento (como xa fan algúns reloxos, aínda que neste caso precisaría da práctica de exercicio para poder funcionar).
Agardemos que estes conceptos inspiren ós científicos para desenvolver a tecnoloxía suficiente para que estes móbiles poidan ser realidade algún día.

PUBLICIDADE