Diablo III chegará a PS3 e Xbox 360 o 3 de setembro

xoves, 6 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Tras acadar grande éxito en ordenadores persoais, o popular xogo Diablo III prepara a súa chegada ás consolas de videoxogos, e aínda que na presentación oficial da PlayStation 4 só anunciaron que estaría dispoñible para as consolas de Sony, Blizzard confirma que o 3 de setembro este agardado xogo lanzarase tanto para PlayStation 3 como para Xbox 360 a un prezo de venda ao público recomendado de 59,99 euros, estando xa aberto o seu proceso de reserva nas principais tendas de videoxogos (os usuarios que merquen o xogo de xeito anticipado recibirán un helmo infernal exclusivo, que outorga experiencia adicional a quen o leve posto).
Diablo III estará integramente localizado en español (castelán e latino), inglés, alemán, francés, ruso, italiano, polaco e portugués (de Brasil) e adaptouse ás necesidades dos xogadores de consola, cunha perspectiva de cámara dinámica que realza ao heroe, unha nova interface de usuario e un sistema de control intuitivo que fará que un xogo propio do PC poida gozarse con interfaces de uso máis limitadas.
Os xogadores poderán enfrontarse aos malvados habitantes dos Infernos Abrasadores sos ou en grupos de ata 4 personaxes na mesma pantalla nos modos cooperativos local e en liña, podendo combinarse grupos de xogadores en local e a través da Internet ao mesmo tempo.
Estas novas versións de Diablo III tamén incluirán as novidades que foi recibindo o xogo para PC nos últimos meses, de xeito que nas consolas poderán gozar dun xogo excelente dende o primeiro momento.

Diablo III contará con modos multixogador nos que combinar a usuarios en local e en liña

PUBLICIDADE