Disco duro multimedia con soporte de BitTorrent

luns, 24 de marzo do 2008 Marcus Fernández

Os discos duros multimedia están a proliferar no mercado, pero algúns dispositivos pretenden ir moito máis aló e combinan distintas prestacións que os fan fuxir de conexións USB e achegarse ás nosas redes locais para ser máis accesibles e mesmo permitir a descarga de ficheiros directamente da Internet, coma é o caso de Myka, un disco duro con conectividade Ethernet e Wi-Fi cunha capacidade de 80/160/500 Gb que está baseado en Linux e se pode conectar ó televisor a través de HDMI, vídeo composto e S-Video e se vende a prezos de entre 299 e 459 dólares segundo a súa capacidade.
Este curioso disco lembra ó AppleTV, pero neste caso non precisa de iTunes para a carga de contidos, que se pode facer a través da nosa rede local ou por USB, aínda que destaca por incluír un cliente BitTorrent, de xeito que pode descargar directamente contidos da Internet, incrementando o atractivo deste trebello que reproduce os formatos de vídeo máis populares (MPEG-2, WMV9, MPEG-4, H.264/AVC, VC-1 e DivX ata unha resolución de 1.080 liñas entrelazadas).
O fabricante deste atractivo disco multimedia xa acepta reservas, aínda que o produto non estará dispoñible ata o vindeiro verán.

PUBLICIDADE