Disney Netpal, un novo ultraportátil para nenos

mércores, 17 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Os produtos de electrónica de consumo moitas veces empregan o pulo de marcas consolidadas para mellorar as súas vendas, sendo Disney todo un referente nesta política, con toda serie de dispositivos vendidos baixo a súa marca, coma televisores con orellas de Mickey Mouse, reprodutores de DVD de Piratas del Caribe ou xoguetes electrónicos de todo tipo, chegando agora cun ultraportátil fabricado por Asus e orientado a un público infantil.
O Disney Netpal é un ultraportátil con pantalla de 8,9 polgadas, Wi-Fi e as características típicas nun equipo deste tipo, coma o sistema operativo Windows XP, que incluirá unha serie de aplicacións informáticas que presentan en pantalla a personaxes da Disney, así coma iconas divertidas, fondos de escritorio e outros elementos para adaptar o escritorio os cativos, non esquecendo mecanismos de control parental para filtrar o tipo de uso que fan os nenos da web ou do correo electrónico.
Exteriormente estes ultraportátiles tamén teñen unha identidade propia, estando dispoñible en dúas cores: azul (con iconas representando a cabeza do rato Mickey repartidas pola súa carcasa) e rosa (que fai o propio con flores).
Estará dispoñible para a súa venda nos EE.UU. en xullo a uns 349,99 dólares, agardándose a súa comercialización en Europa antes de rematar o ano.

PUBLICIDADE