Dispoñible xa a versión de Galicia Confidencial para trebellos móbiles

xoves, 25 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

O diario dixital Galicia Confidencial vén de entrar con paso firme na era móbil. Máis polo miúdo, na era dos trebellos que xa hai tempo que deixaron de ser simples gadgets dirixidos a facer e recibir chamadas: os móbiles nas súas manifestacións innovadoras. Deste xeito e segundo informan os responsables do medio de comunicación, xa temos ao noso alcance unha versión do mesmo especificamente deseñada para o noso iPod ou o noso teléfono móbil. A achega tecnolóxico-informativa, que está operativa dende hoxe, permitiranos consultar de primeira man, esteamos onde esteamos, as informacións de Galicia Confidencial, unha canle que a día de hoxe (e logo dos salientables labores de actualización e remodelación levados a cabo este inverno) conta cunha media diaria de usuarios únicos superior aos 2.600.
Por certo que a iniciativa sitúa ao dito medio de comunicación (moi centrando na súa andaina en cuestións tan polémicas como as dietas do Parlamento ou os contratos das campañas de publicidade do Xacobeo) entre os primeiros xornais estatais en liña que dispón de versión móbil.

PUBLICIDADE