Drawn to Death destaca entre os xogos de PlayStation Plus no mes de abril

venres, 31 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Mentres a selección de Xogos con Gold do mes de abril é unha das mellores dos últimos anos, dende Sony continúan a ter unha oferta de xogos dentro de PlayStation Plus extraordinariamente mala, de xeito que a meirande parte dos títulos son auténticos descoñecidos, polo que o interese do público polos mesmos é nulo e a subscrición a PlayStation Plus converteuse claramente no que os usuarios temían dende o comezo: unha cota para poder xogar en liña aos títulos para PS4.
Os xogos de abril de PlayStation Plus teñen como principal expoñente a Drawn to Death, un shooter-arena multi-xogador en liña cuns gráficos moi característicos (buscan semellar estar feitos a bolígrafo nun caderno) que pode resultar moi rechamante a primeira vista, aínda que pode resultar moi decepcionante se atendemos ao feito de que un dos seus responsables é David Jaffe (un dos creadores de God of War). Este xogo é para PS4, e nesta plataforma contará coa compañía de Lovers in a Dangerous Spacetime, título de exploración e disparos cooperativo espacial que conta con niveis xerados mediante algoritmos de xeito que non haberá dúas galaxias iguais.
Logo, para PlayStation 3 teremos Alien Rage, xogo que verase claramente eclipsado por Invizimals: The Lost Kingdom, probablemente o único título coñecido dos ofrecidos no mes de abril. A PS Vita tamén recibe un par de xogos, que gozan do Cross Buy con PS4, 10 Second Ninja X e Curses ‘n Chaos.

Vídeo promocional dos xogos incluídos en PS Plus no mes de abril

PUBLICIDADE