Drobo presenta novas solucións para o almacenamento de datos profesional e persoal

xoves, 21 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O fabricante de solucións profesionais de almacenamento de datos Drobo anunciou hoxe unha nova xeración de dispositivos de almacenamento composta polo Drobo 5D e o Drobo Mini, que contribúen a acelerar os fluxos de traballo dos profesionais creativos durante a xestión de documentos masivos, de entusiastas do lecer electrónico ou de pequenas empresas que queiran gozar dun sistema portátil para copias de seguridade de grande tamaño.
Estes nosos dispositivos permiten combinar a velocidade das unidades SSD coa capacidade dos discos duros (instalando unha unidade SSD para acelerar o acceso a discos duros de grande tamaño). Tamén contan con 2 portos Thunderbolt e conectividade USB 3.0, sendo compatibles tanto con equipos con Mac como con Windows. Chegarán ao mercado este mesmo verán.
O Drobo 5D é unha solución de almacenamento orientado a grandes capacidades e elevada velocidade, que agradecerán fotógrafos e editores de vídeo, que permite albergar no seu interior ata 5 discos duros de alta capacidade e unha unidade SSD para acelerar o seu acceso. Teriamos así un sistema con ata 16 Tbytes de capacidade accesible mediante Thunderbolt ou USB 3.0.
O Drobo Mini, pola súa banda, permite integrar ata 4 unidades de 2,5 polgadas (tanto SSD como HDD, configuración que podemos elixir segundo as nosas necesidades) de xeito que teriamos unha solución portátil moi interesante para profesionais que se despracen moito e que queiran ter protexidas as súas fotografías e vídeos, non só mediante configuración BeyondRAID, senón tamén porque integra unha batería para evitar a perda de datos ante unha caída de tensión.


Vídeo de presentación do Drobo 5D

PUBLICIDADE