Ducha con achega de Vitamina C

xoves, 8 de marzo do 2007 Raquel Noya

Por se tomar un zume de laranxa natural tódalas mañás e dous ou tres kiwis ó longo do día non abondase como achega de vitamina C para o corpo, sae ó mercado a Sonaki Vitamin C Showerhead, unha alcachofa de ducha que grazas a uns filtros de cerámica que incorpora, fornece ó noso organismo de máis vitamina aínda. E non só iso: ademais, pode quitar até o 99 por cento do cloro da auga (unha utilidade moito máis interesante se cabe cá anterior) co que nos permite desfrutar dunha ducha de auga pura envexable.
Os beneficios fanse notar de seguido, din os seus creadores: as peles sensibles xa non se secan tanto, os cabelos tinguidos pasan máis tempo sen perder a cor (por desgraza para os coellos de indias das perruquerías) e as alerxias ó cloro desaparecen (na mesma medida na que desaparece o cloro da auga, evidentemente).
O paquete inclúe, amais da ducha, cinco filtros de cerámica (abondan para purificar 3.000 litros de auga) e o prezo oscila entre os 60 e os 114 euros. Ou se non, como último recurso (para os que temos máis cousas en que gastar os cartos) tamén existe a opción de non ducharnos tan a miúdo, para que a pel conserve o seu PH intacto, aínda que corremos o risco de atufar ó resto da humanidade (que non ten culpa).
A outra opción que apuntaban os de Gizmodo, o de pedirlle a parella que nos exprima unha laranxa pola cabeza mentres nos duchamos, descartámola polo pegañento que pode chegar a ser e porque, malia os esforzos, parécenos a nós que comer laranxas segue sendo moito máis bo para o organismo que botalas polo sumidoiro.

PUBLICIDADE