DuckTales: Remastered chega a dispositivos móbiles

luns, 6 de abril do 2015 Marcus Fernández

Durante o verán de 2013 chegou a plataformas domésticas unha excelente remasterización en alta definición do videoxogo baseado na serie de televisión PatoAventuras lanzado inicialmente para a consola Nintendo en 1989, e tras a boa acollida deste xogo de plataformas protagonizado polo Tío Gilito e os seus tres sobriños a través de numerosos mundos temáticos na procura de 5 tesouros lendarios era inevitable que se ampliase o número de plataformas nas que estivese dispoñible, de aí que nos últimos días dese o salto a plataformas móbiles.
DuckTales: Remastered chega así a Google Play a un prezo un chisco elevado (11,12 euros), mentres que a versión para dispositivos iOS véndese por 9,99 euros, resultando incluso máis económica a versión para Windows Phone 8, xa que trátase dunha aplicación universal que tamén pode descargarse dende dispositivos con Windows 8.1, o que supón unha especie de 2 por 1. O xogo vén a ser o mesmo en todas as versións, gozando duns gráficos renovados moi coidados, pero mantendo o estilo clásico do xogo de plataformas orixinal, polo que será a delicia dos que gusten deste xénero, que agora poden rememorar esta aventura en dispositivos móbiles.


Trailer da versión móbil de DuckTales: Remastered

PUBLICIDADE