Dungeons & Dragons Online será de balde

mércores, 10 de xuño do 2009 Marcus Fernández

O xogo Dungeons & Dragons Online vai contar cunha actualización no verán chamada Eberron Unlimited, que vai ser algo máis que novos contidos, pois incorporará un novo modelo de negocio, pois esta plataforma deixará de estar pechada a usuarios de pago e permitirá o seu acceso de balde, aínda que con subscricións VIP e certos contidos que poderán mercarse.
Deste xeito, D&D Online: Eberron Unlimited mellorará o sistema de combate, enriquecerá os seus contidos e a súa subscrición será opcional, o que é cada día máis habitual nos xogos masivos en liña, pois os usuarios máis activos non se conforman coas limitacións dos usuarios de balde e o pagamento para acceder a todas as posibilidades do xogo (e a soporte técnico humano e non automatizado) resúltalles aceptable.
A tenda de contidos para o xogo non permitirá unicamente o pagamento con cartos, senón que tamén será posible converter a experiencia gañada en puntos co que facer adquisicións, que sería coma cobrar por xogar.
ACTUALIZACIÓN: A compañía matizou a información sobre o seu cambio de modelo de negocio para advertir que non se aplicará a Europa, de xeito que só os usuarios norteamericanos poderán participar de balde no xogo en liña.

O xogo mellorará o seu sistema de combate

PUBLICIDADE