E Ink mellora a velocidade e a resolución da súa tinta electrónica en cor

luns, 25 de abril do 2022 Marcus Fernández

Aínda que as tabletas teñen moi consolidada a súa posición como dispositivos para consumo de contidos, os lectores de libros electrónicos resístense a desaparecer, mantendo unha boa posición para a lectura de texto e aspirando a conquistar novos terreos grazas á evolución da tecnoloxía de E Ink, que está a presentar E Ink Gallery 3, unha nova xeración da tinta electrónica en cor que poderá dar lugar a dispositivos moi interesantes.
Con Gallery 3 o tempo de actualización en branco e negro é de só 350 milisegundos, mentres que o modo de cor rápido pode refrescarse en 500 milisegundos, aínda que no modo de cor estándar o tempo oscila entre os 750 e os 1.000 milisegundos e, de querer a maior calidade de cor, habería que agardar 1.500 milisegundos para o debuxado. Estamos ante unha importante evolución con respecto á primeira xeración desta tecnoloxía (que tardaba até 10 segundos en actualizar unha imaxe en cor). Tamén é moi rechamante a súa mellora de resolución, que chega por fin aos 300 puntos por polgada, rivalizando dos lectores de libros electrónicos en branco e negro.
Tamén é importante o feito de que con E Ink Gallery 3 poidamos empregar lapis dixitalizador, o que permite crear produtos que poden converterse en sucesores naturais dos cadernos en papel.
Esta tecnoloxía poderase ver en persoa esta mesma semana na feira Touch Taiwan 2022, con prototipos con pantallas encartables e enrolables.

Vídeo no que podemos ver un prototipo de pantalla encartable con tecnoloxía E Ink Gallery 3

Demostración de pantalla enrolable con tecnoloxía E Ink Gallery 3

PUBLICIDADE