EDISA amosa o potencial de espallamento e de servizo da súa plataforma LIBRA, que inclúe xa 2.500 aplicacións empresariais

xoves, 4 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Para unha empresa como a galega EDISA, centrada en servizos tecnolóxicos para as empresas (xestión, control, promoción), medrar é algo natural. E facelo en ámbitos como o de Latinoamérica, aínda máis. O motivo? Pois, para comezar, estamos a falar unha empresa TIC, xurdida e desenvolvida ao acubillo da revolución dixital, e isto sempre acaba por dirixirte o rumbo cara a un destino global. Ademais, en países como Colombia, México ou a República Dominicana, EDISA atopou un mercado especialmente receptivo, que non só demanda solucións tecnolóxicas como a súa plataforma de xestión LIBRA, senón tamén os servizos que veñen logo da súa implantación: ese día a día de dúbidas e aclaracións, demandas e solucións. Para afondar nestas e outras incursións da empresa galega (con sedes na Tecnópole de Ourense e máis en Vigo), falamos con Carlos Suárez Rey, director xerente da firma, para quen está claro que o devandito software LIBRA tamén ten moita responsabilidade neste proceso de espallamento.
A razón principal: estamos a falar dunha plataforma avanzada, recórdanos Carlos, que cobre integramente a través de 2.500 aplicacións as necesidades dunha empresa. En palabras do director xerente, “a plataforma de EDISA permite ás organizacións obter todas as vantaxes que achega un produto estándar e integrado, sen perder a capacidade de adaptación ás necesidades específicas”.
-Os partes informativos que nos chegan de EDISA ao longo destes meses confirman un proceso de espallamento no plano internacional que probablemente teña poucos exemplos comparables a nivel do sector galego das novas tecnoloxías da información. Estades a centrar os esforzos, sobre todo, en Latinoamérica, por que aí? Que posibilidades lle vedes a este mercado para os vosos produtos e os vosos servizos? Cara a onde vos vai levar, a medio e longo prazo, esta extensión do voso radio de acción?

O noso entrevistado, Carlos Suárez

-EDISA iniciou a súa saída ao mercado internacional no ano 2008 abrindo a súa primeira filial en México, para logo chegar a Colombia e recentemente á República Dominicana. A elección de Latinoamérica foi se cadra un paso natural, pois se trata dun mercado que aínda non está maduro e no que existen grandes oportunidades para as empresas que dispoñen dunha solución tecnoloxicamente avanzada como é o caso do noso ERP Libra. Ademais, decatámonos de que as empresas neses países non só están interesados na nosa tecnoloxía senón tamén no soporte e nos servizos de consultoría que podemos ofrecerlles. Nestes intres estamos a acceder a grandes contas, con sedes en boa parte de Latinoamérica. Entendemos que nun prazo breve teremos implantacións na maior parte dos países desta contorna, aínda que as nosas sedes posiblemente se manteñan nos tres países nos que actualmente estamos. Sinalar que contamos xa con importantes clientes por exemplo en México onde a maior empresa de extrusión de aluminio é usuaria de LIBRA, ou en República Dominicana, país no que o noso ERP está instalado na rede de supermercados máis importante do país.
-O software LIBRA é sen dúbida a vosa principal carta de presentación e, tamén, un dos grandes valores de mercado. Como poderiamos definir as súas características e finalidades? Que vantaxes primordiais obteñen as empresas da súa integración? Calquera empresa pode tirarlle partido? É un programa para as compañías privadas ou tamén ten potencialidades para as administracións?
-Entre as principais vantaxes que a incorporación da solución de EDISA supón para as empresas, cómpre salientar a de achegarlles unha plataforma completa, avanzada dende o punto de vista tecnolóxico, cunha metodoloxía na implantación dos proxectos que permite ás compañías acadar prazos e resultados que hai uns anos serían impensables, nunha implantación dun sistema integral en grandes empresas. O noso sistema está orientado a empresas medianas e grandes. LIBRA inclúe máis de 2.500 aplicacións que cobren a totalidade de procesos dunha empresa. No caso das administracións públicas, os procesos son significativamente diferentes aos dunha empresa e, por tanto LIBRA non está orientado a este mercado.
-Aproximadamente, en cantas empresas se atopa arestora implantado o software LIBRA? Cales son os sectores onde ten maior presenza? Que experiencia estades a sacar deste carácter cada vez máis universal do programa?
-Actualmente LIBRA está integrada en aproximadamente unhas 500 empresas pertencentes a uns 30 sectores empresariais. O sector máis importante para EDISA é da alimentación e agroalimentario, incluíndo os seus múltiples subsectores, tanto a nivel industrial como comercial. Nalgún caso temos un importante liderado como é o sector da pesca e o conxelado. Tamén contamos con outros sectores nos que dispoñemos dunha posición moi destacada a nivel nacional, como é o caso da extrusión de aluminio ou a distribución farmacéutica. Os nosos clientes están situados en 21 países diferentes nestes momentos. En España, contamos con clientes en todas as comunidades autónomas. Nalgunha, como é o caso de Galicia, a nosa presenza é importante, cunhas 130 referencias, das que 14 atópanse entre as 100 primeiras empresas galegas. Esta gran variedade de sectores dá idea da versatilidade de LIBRA e sobre todo do traballo de adaptación a cada unha das actividades empresariais que se realiza no centro de I+D+i con que conta a empresa.
-Qué funcionalidades concretas brinda LIBRA a nivel empresarial?
-LIBRA inclúe un conxunto de aplicacións totalmente integradas para cubrir todos os procesos de negocio e os de xestión de case calquera tipo de empresa, cunha elevada capacidade de adaptación ás necesidades de cada firma. A plataforma de EDISA permite ás organizacións obter todas as vantaxes que achega un produto estándar e integrado, sen perder a capacidade de adaptación ás necesidades específicas da empresa. Algunhas das funcionalidades que complementan LIBRA son as seguintes:
- ERP; procesos operativos e procesos de xestión.
- CRM: xestión da relación cos clientes.
- BPM: xestión de procesos.
- BI: business intelligence.
- Mobilidade: traballo en liña desde dispositivos portátiles.
- Comercio en rede: portais web e comercio electrónico.
-É certo que levades en marcha dende 1983? Como se consegue isto, xa non só sobrevivir no mercado tecnolóxico, tan competitivo e tan cambiante, senón mesmo medrar produtivamente?
-Seguimos unha estratexia algo singular, baseada nun total autofinanciamento, nunha baixa rotación do persoal, no crecemento sempre por detrás do negocio e sobre todo pola constancia e a concentración nun ámbito de negocio moi concreto, sen crear frontes que nos dispersen do noso eido de negocio. Tamén tratamos de pór por enriba de todo, sempre, o cumprimento dos nosos compromisos, aínda que en moitos casos isto nos levara a perder diñeiro en proxectos individuais. Temos a máxima de levar sempre a termo os proxectos contratados.
-Recentemente EDISA anunciou un fortalecemento da súa vertente investigadora, proceso que se está a materializar xa dende o centro de I+D que a empresa ten no Parque Tecnolóxico de Galicia, a Tecnópole de Ourense. Como se está a materializar esta nova aposta pola innovación? Con cantos profesionais contades no dito centro? Que porcentaxe aproximado da facturación lle dedicades cada ano a este labor de investigación? Poderíase dicir que a innovación é a vosa principal baza competitiva?
-Dende o seu nacemento, EDISA apostou pola Investigación e o Desenvolvemento, para o que creou en 2006 o seu centro de I+D+i no Parque Tecnolóxico de Galicia, a Tecnópole. Cun persoal total de 200 empregados, a compañía inviste cada ano aproximadamente o 20% da súa facturación neste tipo de actividades, dedicando ao redor de 50 persoas nun eido, este do que estamos a falar, que a empresa considera que é a súa principal baza competitiva. A adaptación da plataforma LIBRA ao mercado latinoamericano ou a posta en marcha de novos módulos son algunhas das liñas de desenvolvemento que ten aberta a compañía nestes momentos de Galicia. As principais liñas de I+D que a empresa ten abertas nestes intres viran ao redor de catro eixos.
-A internacionalización das empresas; trátase dunha das estratexias que están a seguir moitas compañías e LIBRA debe ser un facilitador da saída a novos mercados. Esta liña de desenvolvemento supón a adaptación de LIBRA a diversos mercados exteriores, a localización do produto a novos idiomas ou o desenvolvemento de funcionalidades moi orientadas cara ao comercio exterior, como son por exemplo a xestión de expedientes de importación ou exportación.
-A integración electrónica de empresas, para optimizar os seus procesos e diminuír os custos.
-A mobilidade.
-A actualización da contorna tecnolóxica do produto, incorporando as últimas ferramentas de desenvolvemento.
-A nivel xeral, que papel credes que pode xogar a I+D na economía galega? Considerades que a investigación e a innovación poden axudarnos a superar esta focha produtiva da que semella que non damos saído?
-Nestes intres non só na economía galega senón en xeral, a innovación é o único elemento que teñen na súa man as empresas para saír adiante. Pero non só innovación entendida desde o punto de vista tecnolóxico, senón innovación nos procesos, na forma de deseñar os produtos, de chegar ao mercado. Temos que atopar novas fórmulas para ofrecer aos clientes os servizos e solucións que cubran as súas verdadeiras necesidades e que poidan ser adquiridos da forma que eles prefiran. No noso caso, xa estamos a traballar por exemplo na entrega do noso produto en modalidade cloud, en forma dun servizo (Software as a Service).
-Que nos vai ofrecer EDISA a medio e longo prazo? Que sorpresas nos ten deparadas?
-Somos unha empresa que chamamos pouco a atención e que non adoitamos sorprender, xa que temos unha liña moi constante de traballo. Se cadra o máis relevante a día de hoxe é a vindeira saída ao mercado da nosa versión 6.0, que marcará a liña tecnolóxica do produto para polo menos os próximos 10 anos. Estamos a adaptar LIBRA á contorna ADF de ORACLE, que é a liña tecnolóxica que segue tamén este xigante da informática. Temos tamén moita ilusión posta en consolidar o liderado a nivel nacional nos sectores da pesca e conxelado, aluminio e distribución farmacéutica.

PUBLICIDADE