EDISA colabora con entidades sen ánimo de lucro mediante a creación de Mas Social Conecta

martes, 23 de abril do 2013 Redacción

Carlos Suárez Rey, director xerente da firma galega

En 1983 nacía a compañía EDISA co propósito de desenvolver solucións e servizos de xestión empresarial. Seguindo este fío e aplicándoo a unha vertente de compromiso coa contorna, veñen de anunciar a súa incorporación á iniciativa Mas Social, encamiñada a entidades sen ánimo de lucro e organizada pola Fundación Barrié e PwC. E cal será o papel representado por EDISA nesta acción? Pois a súa achega pasa polo desenvolvemento dunha plataforma software -denominada Mas Social Conecta- para a creación dunha web destinada a que as entidades participantes no programa Mas Social poidan mellorar un aspecto tan relevante como as súas posibilidades de captación de fondos.
A finalidade en cuestión é potenciar a comunicación das entidades do terceiro sector cara ao exterior, para que poidan amosar as súas actividades e ao tempo fomentar a captación de fondos. Cómpre subliñar que EDISA incluíu dentro desta plataforma unha pasarela de pagamentos onde os interesados poderán realizar as súas achegas a estas entidades. Asemade, salientar que entre as entidades beneficiarias do proxecto atópanse 10 asociacións dedicadas a diversas actividades sociais, como é o apoio a persoas con discapacidade (autismo, parálise cerebral...). Segundo verbas do director xerente de EDISA -Carlos Suárez- “en dous meses dará comezo a fase piloto desta proposta que quere botar unha man a diferentes entidades sociais permitindo que cada unha das asociacións poida definir os contidos e servizos que quere amosar e, sobre todo, fará máis doado o feito de conseguir fondos ou a mesma comunicación coa súa contorna”. Mas Social Conecta atópase inserida dentro das actividades de responsabilidade social corporativa de EDISA.

PUBLICIDADE