Economía achega novas axudas para a transformación dos nosos mercados

luns, 5 de setembro do 2022 S. P.

Francisco Conde, conselleiro de Economía, presentou este luns 5 de setembro un novo programa de axudas dotado con 870.000 euros e destinado a impulsar a dinamización e a transformación das prazas de abastos e a creación dunha rede de mercados excelentes nos municipios galegos. Fíxoo no transcurso dunha visita ao Mercado de Vilanova de Arousa (Pontevedra). A convocatoria, dixo, contempla axudas tanto para os concellos como para as asociacións e federacións de praceiros.
Realizaranse melloras en accesos e infraestruturas, no mantemento ou na eficiencia enerxética, respondendo ao obxectivo autonómico de colaborar cos comerciantes, pemes e autónomos para facer fronte aos problemas actuais do prezo eléctrico. Tamén se impulsará a mellora dos servizos á clientela, a creación de mercados en liña (marketplaces) ou campañas dixitais de dinamización.
Nos últimos seis anos a Xunta destinou 2,6 millóns ao impulso das prazas de abastos a través das ordes de axudas destinadas a concellos e asociacións de comerciantes.
Durante a súa visita, Conde salientou o papel que desenvolven prazas como a de Vilanova de Arousa na vertebración do territorio en Galicia, e a súa importancia na dinamización económica, sendo “un exemplo do que significa o comercio de proximidade na Comunidade”. Por iso, salientou “a aposta decidida” pola Xunta por impulsar unha rede de Mercados Excelentes en Galicia, en colaboración cos concellos e as asociacións e federacións de comerciantes.

PUBLICIDADE