Educación premia a aposta pola innovación educativa a través das TIC
luns, 7 de febreiro do 2011
- O conselleiro de Educación, na entrega de Premios de Innovación Educativa para o profesorado de ensino non universitario.
O conselleiro de Educación e
Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, foi o encargado de entregar, hoxe
mesmo, os premios da entidade pública que representa á Innovación Educativa
para o profesorado de centros educativos non universitarios, que centraron os
seus esforzos, basicamente, en aplicar as TIC ás súas metodoloxías de ensino.
En total concedéronse 30
galardóns de entre os 71 proxectos presentados por parte de docentes das etapas
de infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato da nosa Comunidade.
Este ano a Consellería de Educación, no marco da súa aposta pola calidade do
ensino, incrementou a contía dos premios, pasando dos 3.000 aos 6.000 euros.
No acto, celebrado en San
Caetano, Vázquez Abad destacou que o esforzo dos premiados para o
desenvolvemento da innovación pedagóxica “é
unha actitude ética perante a vida que serve de exemplo para todos cantos
traballamos en corpo e alma a prol da excelencia educativa”.
O conselleiro engadiu que estas
iniciativas demostran “que avanzamos na
defensa da eficacia do sistema educativo como pedra angular do benestar social
e das políticas de progreso económico e cultural”. Así, destacou o apoio da Consellería de Educación a estas
iniciativas, co fin de que acadar a consolidación da mentalidade innovadora “converténdose nunha práctica cotián e
institucionalizada que fará das nosas aulas viveiros da intelixencia, pancas de
progreso e impulsos de transformación social”.
A convocatoria dos premios deste
ano centrouse nos proxectos relacionados co fomento do plurilingüismo e a
potenciación das linguas estranxeiras; asi como nos referidos ao uso da
tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e a introdución das competencias
básicas na aula dixital.
Tamén se centrou nos relacionados
coa atención á diversidade e aos materiais e ferramentas de reforzo educativo
que favorezan a accesibilidade ao currículo do alumnado con necesidades
específicas de apoio educativo.
Con estes premios á innovación
educativa a Consellería de Educación valora as experiencias innovadoras que se
están a desenvolver nos centros educativos galegos e que supoñen unha mellora
da calidade do ensino.