Eken M001, un tablet de baixo prezo con Android 1.6

martes, 27 de abril do 2010 Marcus Fernández

Coa chegada do iPad ao mercado estadounidense moitos son os fabricantes que optaron polo sistema operativo Android para facer fronte ao novo trebello de Apple, pensando que o concepto do tablet podería servir para vender os pouco recoñecidos MID, aínda que algún caso en concreto resulta especialmente rechamante polo seu prezo reducido, que pode ser a chave do seu éxito, coma o Eken M001, que é un dispositivo con pantalla táctil de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, procesador VIA WM8505 a 600 MHz, 128 Mbytes de RAM, 2Gb de almacenamento interno, Wi-Fi e lector de tarxetas SD de ata 32 Gb que venderán en China por uns 680 iuans (74,53 euros).
De todos os xeitos, hai que recoñecer que por tal prezo tense o que se paga, e non estamos ante un dispositivo de grande potencia e velocidade, senón que sería un reprodutor multimedia portátil cun navegador web incorporado cunha potencia semellante á dun smartphone, coma podemos apreciar no seguinte vídeo:


De todos os xeitos, non parece que vaian ser poucos os consumidores que opten por este tipo de trebellos dado o seu reducido prezo, aínda que teñan eivas evidentes e sexan solucións bastante pechadas (normalmente carecen de acceso ao Android Market). A autonomía destes dispositivos tamén é moi criticada, por estar a pouco máis da décima parte que un iPad.

PUBLICIDADE