El Internado terá xogo para Nintendo DS

mércores, 18 de marzo do 2009 Marcus Fernández

En primavera, coincidindo coa estrea da quinta tempada en Antena 3, a serie de televisión El Internado contará cun videoxogo de seu para a consola portátil Nintendo DS, que seguirá a estrutura das tempadas da serie, pero con contidos extra, argumentos paralelos e novos guións, de xeito que o final do xogo será unha incógnita para os seguidores desta serie de ficción española.
Este videoxogo de Virgin Play deixará elixir entre os personaxes Carol, Iván, Marcos, Julia ou Vicky para emprender unha aventura gráfica chea de misterio na que se combinarán gráficos 2D e 3D nas pantallas superior e inferior, e con escenas narrativas en branco e negro ao máis puro estilo Sin City.
Aparte da investigación que centra a trama, o videoxogo tamén contará con minixogos que fan uso das posibilidades táctiles da DS, así coma do micrófono integrado.


A serie de televisión de Curro Jiménez xa contaba con adaptación en forma de videoxogo hai 20 anos

¿A primeira ficción española en ter un videoxogo?

Dende Antena 3 aseguran que El Internado é a «primeira ficción española en ter un videoxogo», afirmación totalmente gratuíta e falsa, pois son moitos os exemplos de videoxogos baseados en produtos audiovisuais españois, tanto en cine como en televisión. Podemos lembrar así coma Torrente ou Donkey Xote tiñan videoxogos propios, e mirando á pequena pantalla o xogo La Caja de los Sueños estaba inspirado na serie Padre de Familia, e aínda sería máis destacable que en 1989 ordenadores coma o Spectrum, o Amstrad CPC e o MSX contasen cun título inspirado en Curro Jiménez. E iso sen contar os moitos xogos para móbil, que adaptaron dende series ata concursos patrios.
Non entendemos a teima que teñen algúns lanzamentos comerciais en ser os primeiros en algo, o que deixa claramente en evidencia a ignorancia das persoas que sosteñen tales informacións, e que neste caso e realmente esaxerado, pois chegaría décadas despois dos primeiros videoxogos baseados en ficcións televisivas españolas.

PUBLICIDADE