Elden Ring é unha realidade

venres, 25 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Un dos xogos máis esperados dos últimos tempos, Elden Ring, por fin chega ás tendas nas súas versións para PS4, PS5, Xbox One, Xbox Series X|S e PC, destacando o feito de que a versión de PS4 poderase actualizar de balde a PS5, mentres que a versión para Xbox é compatible con Smart Delivery (ou sexa, que só hai que adquirilo unha única vez e pode xogarse en ambas xeracións de consola).
Esta creación de FromSoftware leva bastante tempo facendo ruído, grazas tanto polo estudio que o desenvolve (responsable das distintas entregas de Dark Souls) como polo feito de que o creador de Game of Thrones, George R. R. Martin, contribuíu á construción do universo do xogo.
O xogo convídanos a percorrer as Terras Intermedias e desvelar os misterios do poder do Círculo de Elden mentres hai que enfrontarse a temibles criaturas e grandes adversarios. Poderemos crear o noso propio personaxe e definir o seu estilo de xogo a partir dunha ampla oferta de armas, poderes e habilidades que iremos atopando; e nos combates haberá unha grande disparidade de opcións, de xeito que aseguran que estamos ante un sistema de xogo que definirá o xénero.
A expectación provocada por este xogo é especialmente visible en Steam, onde o xogo chegou a experimentar un pico de 764.835 xogadores simultáneos, de xeito que liderou case toda a xornada (situándose á altura de Counter-Strike: Global Offensive e Lost Ark) pese a que a versión para PC deste título non parece estar especialmente pulida, e xa tiveron que advertir de que o xogo presenta fallos de rendemento que irán corrixindo nos vindeiros días.
En calquera caso non podemos esquecer que estamos ante un xogo de rol de aventura, cunhas características moi marcadas (como un elevado nivel de esixencia nos combates) que fai que esteamos ante un título de nicho, que ten grande relevancia e impacto na prensa especializada, pero que non pode compararse cos auténticos supervendas do sector, que normalmente pertencen a xéneros máis accesibles (como os deportes e a acción directa).

Tráiler de lanzamento de Elder Ring

PUBLICIDADE