Elena Neira ofrece este luns en CTV unha conferencia sobre o impacto do streaming

venres, 26 de maio do 2023 S. P.

A produtora CTV celebrará o vindeiro luns, 29 de maio, unha conferencia sobre o sector audiovisual que impartirá a profesora e investigadora Elena Neira, especialista en novos modelos de distribución. A charla celebrarase ás 11 horas nas instalacións de CTV en Montouto (Teo).
O relatorio, titulado Tendencias do audiovisual na posguerra do streaming, está destinado a profesionais do sector, e nel Elena Neira abordará diversas cuestións tecnolóxicas, por exemplo sobre como se está producindo un intento de recuperar as xanelas de distribución ou sobre as implicacións do actual boom da publicidade no ámbito streaming (a través dos formatos FAST e AVOD).
Neira avanza que a publicidade, durante tanto tempo allea aos modelos de streaming, está a gañar moitísimo terreo xa que abre unha vía de negocio interesante. “O plan básico con anuncios de Netflix, por exemplo, xa conta con 5 millóns de clientes en todo o mundo segundo a compañía”, sinala.
En canto aos retos dos medios convencionais, a profesora avanza que á desconexión das audiencias novas e á erosión de consumo que provocaron as plataformas agora únese a ameaza con respecto aos anunciantes, que agora “ven no streaming unha alternativa moi sedutora”.
Analizará tamén o papel da Intelixencia Artificial e a folga dos guionistas estadounidenses pola precarización futura do seu traballo. A este respecto, a investigadora sinala que a IA é en Estados Unidos un piar básico nas reivindicacións dos guionistas, actualmente en folga, que ven nestas novas tecnoloxías unha vía para a precarización do seu traballo.
Concretando sobre aspectos profesionais, Elena Neira destaca que as tendencias en contidos e formatos diríxense actualmente ao formato curto, a deportes e entretemento, ademais de verse claramente un boom do contido local con alcance global. “España converteuse nun territorio clave á hora de exportar as súas historias ao mundo enteiro”, sinala.
Elena Neira, natural de Ourense, é licenciada en Dereito e Comunicación Audiovisual, profesora dos estudos de comunicación na Universidade Aberta de Cataluña / Universitat Oberta de Catalunya (UOC) e membro do grupo GAME da mesma universidade. Tamén é profesora de distribución audiovisual na Universidade Internacional de Cataluña (UIC) e doutoranda. As súas principais liñas de investigación son o impacto das plataformas de streaming na industria televisiva tradicional e no espectador.
É colaboradora habitual dos programas especiais de Movistar nas galas dos Emmy, os Globos de Ouro e os Óscar. Tamén impartiu diversas charlas e conferencias, incluída unha TED Talk sobre Netflix, e foi elixida como unha das 50 mulleres máis influentes do negocio audiovisual español segundo a revista Forbes.

PUBLICIDADE