Elgato presenta novos trebellos conectados a dispositivos de Apple

martes, 2 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Elgato, fabricante que temos moi asociado a sintonizadores de televisión para Mac, está a aproveitar a feira IFA de Berlín para amosar os seus novos produtos, que están a abrir mercado, continuando a apostar por produtos de Apple como compañeiros, dos que resulta especialmente atractivo a lámpada LED Avea, que pode controlarse directamente cun iPhone ou iPad a través de Bluetooth, e que permite activar de xeito doado distintas configuracións de iluminación a través dunha aplicación, sen precisar de ningún accesorio adicional para gozar desta funcionalidade domótica.
As lámpadas Elgato Avea poden reflectir sete cores e escenas dinámicas en función da situación, a súa configuración é moi doada, teñen unha base de lámpada estándar, poden acenderse progresivamente para a función de luz espertadora, e teñen un consumo de 7 W achegando un brillo de 430 lumenes. O máis rechamante deste produto é posiblemente que, pese a estar orientado a un perfil de usuarios con alto poder adquisitivo, limite o seu prezo a 39,95 euros.


Vídeo de demostración da tecnoloxía Elgato Avea

Outro produto interesante de Elgato é o Smart Power, unha das cada vez máis populares baterías portátiles externas que non se conforma con incrementar a autonomía do noso iPhone ou iPad, senón que tamén se comunica mediante Bluetooth de baixo consumo co noso dispositivo móbil, o que permítelle mandar notificacións para avisar de cando é preciso recargar o noso trebello, para evitar quedar sen batería no momento menos oportuno. Esta batería de 6.000 mAh, unhas dimensións de 83 x 83 x 23 milímetros e un peso de 160 gramos pode adquirirse por 89,95 euros.


Vídeo de presentación do Elgato Smart Power

Pero Elgato non se limitará a un par de produtos novos, senón que tamén adiantan que están a preparar Elgato Eve, unha completa liña de produtos baseados na tecnoloxía HomeKit de Apple que formará parte de iOS 8 (de aí que teñamos que agardar para ver os nosos produtos) e que introducirá un novo xeito de controlar os dispositivos do noso fogar. Os produtos que Elgato tería en carteira incluirían toda unha sorte de sensores de calidade do aire, temperatura, humidade, presión atmosférica ou consumo de auga e corrente eléctrica, facendo do fogar un lugar máis confortable e intelixente.

PUBLICIDADE