Emprego e 17 influencers farán campaña nas redes sociais para sensibilizar sobre a igualdade

venres, 1 de xullo do 2022 S. P.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou unha nova edición da campaña #igualdadefollowers, que se basea en tirar proveito do ascendente das redes sociais entre a mocidade para levar á xente nova mensaxes contra a violencia de xénero, a prol da igualdade, e contra as discriminacións. Dezasete persoeiros influencers do mundo do deporte, a moda, o xornalismo, a investigación ou as artes, participarán na iniciativa que, tal e como reflectiu a conselleira, buscou recompilar testemuñas de personaxes relevantes desde unha óptica multidisciplinar.
A conselleira fixo un chamamento á xente nova xa que, como destacou, segue sen recoñecer de pleno a violencia de xénero na contorna dixital “normalizando o control das parellas a través de dispositivos móbiles, influíndo seriamente nunha situación de maltrato psicolóxico, e establecendo roles de poder diferentes que adoitan situar ao xénero feminino nun status inferior ao masculino”. Por este motivo, dixo, a Xunta conta nesta campaña con persoas referentes, “para que as e os guíen e lles expliquen como identificar, primeiro, e despois como combater as desigualdades que aínda persisten”.
A campaña desenvólvese en colaboración coa Asociación de Periodistas de Galicia e contará coas contribucións de persoas con ampla presenza en redes que suman milleiros de seguidores: Omaira Marcos (influencer especializada en moda), Adiaratou Iglesias (atleta, medalla de ouro e prata nos Xogos Olímpicos de Toquio), Manuel Jabois (xornalista e escritor), Ana Freire (enxeñeira e investigadora), Eva Porto (influencer especializada na busca de emprego), Paola Freire (especializada en gastronomía), Héctor Castiñeira (enfermeiro e divulgador sanitario), José Tubío (premio internacional de investigación sobre cancro), Patricia González (capitá do equipo de fútbol sala Pescados Rubén de Burela), Lara Lars (ilustradora e arquitecta), Natalia Álvarez (CEO de Walamami), Luis Zahera (actor), Daniel Minimalia (músico, gañador de Grammy Latino 2020), Nuria Pérez (escritora), Emma Lustres (produtora audiovisual), Javier Gómez Noya (triatleta), e Óscar Pereiro (ciclista e comentarista deportivo).

PUBLICIDADE