EmprendOU combaterá o despoboamento de Ourense con axudas ao emprendemento e á innovación

mércores, 28 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Apoiar o emprendemento xuvenil e todo o que rodea a innovación da xente nova ao tempo que se aposta por reter/gañar poboación. Este é o gran obxectivo do proxecto EmprendOU que impulsa a Deputación de Ourense para afrontar o desafío do éxodo xuvenil e da falta de oportunidades lonxe das grandes localidades. Onte deuse a coñecer que xa está a pleno rendemento a web da iniciativa (www.emprendou.com) e que o programa concederá axudas de 675 euros ás mozas e mozos que presenten proxectos empresariais ou de auto-emprego nos concellos rurais de menor poboación.
O presidente Manuel Baltar dixo que loitar contra o rural baleiro, neste caso concreto baleiro de poboación xuvenil, é “unha cuestión fundamental e prioritaria”. Tamén dixo que EmprendOU permitirá que 250 persoas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos emprendan no seu lugar de residencia.
Poderán beneficiarse 82 concellos da provincia. A finalidade do programa é “incrementar nestes municipios as posibilidades de desenvolvemento profesional/laboral da poboación máis nova, aumentar o atractivo do mundo rural entre o público destinatario destas axudas e provocar un efecto chamada por parte da provincia de Ourense cara a persoas mozas con mentalidade emprendedora que poidan querer residir na provincia”.
A dispoñibilidade orzamentaria para este programa de emprendemento ascende aos 2.025.000 euros, sendo a contía da axuda concedida ás persoas beneficiarias deste proxecto de 675 euros por cada mes de exercicio efectivo, cun mínimo de 6 meses e un máximo de 12 meses. As persoas interesadas en solicitar estas axudas poden facelo en calquera momento ata o 30 de novembro de 2019. Máis información: na páxina web do programa.

PUBLICIDADE