Kekotukos Origins, novo xogo formativo para iPad de emprendedores lugueses

luns, 15 de febreiro do 2016 Redacción

A nacente empresa de Lugo, Kekotukos, asesorada virtualmente polo viveiro de empresas da Fundación CEL–Iniciativas por Lugo, vén de engadir ao mercado dos xogos educativos para iPad Kekotukos Origins, a primeira app que oferta esta startup, pensando desenvolvemento de produtos dixitais. Kekotukos Origins, xa dispoñíbel para descarga en App Store a un prezo de 2,99 euros, é só o primeiro dunha serie de xogos que a empresa luguesa quer crear dentro do seu proxecto de Universo Infantil Dixital Kekotukos: lecer educativo para nenos de entre 2 e 12 anos.
Os emprendedores promotores deste proxecto, Pablo Encabo e Eduardo Veiga, levan traballando dende comezos de 2015 cos seus colaboradores e sinalan que esta aplicación está concibida para crianzas prelectoras, de entre 2 e 7 anos de calquera país (non inclúe carga textual, o que elimina a barreira idiomática). Introduce aos pequenos nun mundo de conto no que os seus protagonistas, uns extraterrestres denominados tukos, viaxan dende o seu planeta Tukón á Terra onde coñecen a Keko, o protagonista. Os nenos terán que axudar a Keko no seu intento de ensinar aos tukos a vivir correctamente neste planeta e a atopar a un compañeiro que perderon.

Kekotukos Origins inclúe 12 minixogos diferentes

Kekotukos Origins está composta por doce mini-xogos diferentes, nos cales os máis pequenos poderán converterse nos pilotos dunha nave espacial, xogar ao agocho a medianoite, explorar bosques e camiños, resolver enigmas, aprender a tocar o piano ou cociñar bocadillos, entre outras actividades.
A app está deseñada para fomentar a imaxinación do neno e o progreso dalgunhas das súas capacidades máis importantes: motricidade, discriminación visual, cognición e lóxica. Intuitiva, pode xogarse con ou sen a supervisión dun adulto e a súa dificultade é, ademais, adaptativa: vai evolucionando de maneira progresiva segundo mellore o neno. Inclúe amais informes para pais en tempo real: os adultos poden consultar a evolución das capacidades dos cativos.
Kekotukos pretende seguir medrando a través da creación de novas aplicacións multiplataforma, contido multimedia e outros recursos educativos.
O lanzamento máis inmediato será o de Kekotukos Surprise, dirixida a cativos que están a comezar a ler e onde se lles ensinan os seus primeiros conceptos en español e inglés xunto coa súa correcta pronuncia. Amais de en iOS, Kekotukos Surprise tamén estará dispoñíbel para descarga en Android.

Tráiler de Kekotukos Origins

PUBLICIDADE