Empresas TIC e alumnado de Informática da UDC teñen unha cita a partir do día 23 na feira FePEfic
martes, 16 de abril do 2024
Os vindeiros 23, 24 e 25 de abril celebrarase na Facultade de Informática (FIC) da UDC a Feira de Prácticas e de Emprego (FePEfic). Trátase dunha cita organizada pola FIC da Universidade da Coruña, na que colaboran a súa Fundación e o CITIC. Este evento está dirixido a compañías do sector TIC e a alumnado de grao e mestrado da FIC interesado en realizar prácticas en empresas ou en introducirse no mundo laboral. A entrega do IX Premio ao mellor traballo fin de grao aplicado da FIC pechará estas xornadas, nas que participan este ano 26 empresas TIC.
Segundo informa o CITIC, o obxectivo é poñer en común as expectativas das e dos estudantes con algunhas das principais firmas tecnolóxicas da contorna. O alumnado asistente terá a oportunidade de coñecer de primeira man algúns dos proxectos e iniciativas que están a desenvolverse no ecosistema empresarial, así como trasladar as súas inquedanzas á hora de integrárense no mundo laboral a través de prácticas profesionais.
Manuel G. Penedo, director do CITIC, valora de maneira moi positiva este tipo de iniciativas que pretenden trazar “pontes entre o eido académico e o empresarial e facilitarlle ao alumnado as principais claves que lle axuden a dar o salto ao mundo laboral”. Para os colaboradores da feira, este tipo de encontros son necesarios porque “conectan expectativas e necesidades das dúas patas fundamentais da cadea de valor do sector TIC”.