En marcha dende Ourense dous equipos da Garda Civil especializados na ciberdelincuencia

mércores, 19 de xaneiro do 2022 S. P.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presentou os novos Equipos @ da Garda Civil na provincia de Ourense, especializados na loita contra a ciberdelincuencia. Así o fixo durante unha visita (este mércores 19 de xaneiro) á Comandancia da Garda Civil en Ourense, na que estivo acompañado polo tenente coronel xefe accidental, Indalecio Linares; polo comandante terceiro xefe, José Benito Fernández; e polo capitán de Policía Xudicial, Jaime González.
O subdelegado do Goberno explicou que os Equipos @ están enmarcados dentro do Plan Estratéxico contra a Cibercriminalidade do Ministerio do Interior, creado para “previr e perseguir este tipo de delincuencia, garantindo así a seguridade e a protección dos dereitos e liberdades dos usuarios na contorna online”.
Emilio González sinalou que na provincia operan dous destes equipos na Comandancia de Ourense, o Equipo @Ourense e o Equipo @Santamariña, que contan con sete efectivos especializados. Forman parte dos 84 equipos postos en marcha en toda España e que integran un total de 304 axentes da Garda Civil.
Trátase, dixo, de “equipos funcionais encargados de reforzar a resposta ante a delincuencia online, poñendo o foco nas estafas na Rede”. Así mesmo, engadiu, “constitúen o primeiro nivel de resposta específica á ciberdelincuencia, apoiando ás unidades territoriais que se atopan orientadas á cidadanía, realizando un primeiro tratamento deste tipo de delitos, apoiando á Policía Xudicial específica mediante a análise dos ciberdelitos e potenciando a interlocución de calidade coas vítimas”.
Emilio González lembrou que durante os últimos cinco anos, e máis aínda dende a chegada da pandemia, este tipo de delitos experimentaron un importante incremento, especialmente en paralelo ao medre da actividade relacionada co comercio electrónico. Así, subliñou que durante o ano 2021 a ciberdelincuencia aumentou na provincia de Ourense no ámbito da Garda Civil un 41,4%, xa que se rexistraron 761 infraccións penais telemáticas, mentres que no ano 2020 foron 538.

PUBLICIDADE