En novembro chegará ao mercado unha insignia de Star Trek con micrófono Bluetooth

xoves, 8 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O 8 de setembro de 1966 foi a data na que a NBC emitiu nos EE.UU. o primeiro episodio da serie televisiva orixinal de Star Trek, e para celebrar este 50º aniversario puidemos ver moitas homenaxes na Rede, o que dende a tenda en liña ThinkGeek aproveitaron para anunciar un produto que van vender en exclusiva a partires do mes de novembro: unha insignia de comunicacón de Star Trek: A Nova Xeración que poderemos enlazar co noso smartphone a través de Bluetooth, de xeito que podería aproveitarse como micrófono de mans libres para dar ordes ao dispositivo ou para chamadas.
Deste xeito, por 79,99 dólares (71 euros) podemos facernos cunha insignia da flota estelar con licenza oficial, que reproduce o típico son da serie de televisión cando prememos sobre a mesma e que pode resultar moi curioso á hora de empregalo para dar ordes a Siri ou a Google Now a través de Bluetooth, podendo tamén empregarse para responder ou colgar chamadas de voz ou reproducir/parar a reprodución de audio.
Este accesorio ten un sistema de suxeición baseado en imáns para que non teñamos que perforar a nosa roupa para usalo, ten unha batería que pode cargarse por micro USB e que tería unha autonomía de até 10 horas e as súas medidas serían de 53 x 42 x 9 milímetros. Un produto que parece destinado a converterse en agasallo de Nadal para seareiros da serie e, moi especialmente, cosplayers.

PUBLICIDADE