Energy Sistem estrea novos tablets con Android 2.3

luns, 28 de novembro do 2011 Marcus Fernández

O Energy Sistem i724 é o tablet de 7 polgadas, para os que buscan un dispositivo económico e moi portable

O fabricante Energy Sistem vén de incorporar ao seu catálogo unha nova familia de tablets con Android 2.3 que confían converterse en dispositivos atractivos para os usuarios que queren introducirse no mundo dos tablets a un prezo axustado e sen prescindir de prestacións.
O tablet de entrada da compañía sería o Energy Tablet i724, que conta cunha pantalla táctil capacitiva de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles (16:9), procesador ARM Cortex A8 a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb, Wi-Fi, USB (con soporte de modems 3G), cámara frontal VGA, altofalantes, micrófono, acelerómetro, saída HDMI para reproducir contidos ata a 1.080p nun televisor, batería de 4.000 mAh (que permitiría reproducir vídeo ata 7 horas) e un prezo de 159 euros.

O Energy Tablet i824 opta por unha pantalla 4:3 de 8 polgadas

Un chisco diferente sería o Energy Tablet i824, que optaría por unha pantalla táctil capacitiva de 8 polgadas cunha resolución de 800 x 600 píxeles (4:3), un procesadoir ARM Cortex A8 a 1,2 GHz e un prezo de 199 euros.
E para competir en mellores condicións con terminais coma o iPad, temos o Energy Tablet i828 HD en capacidades de 4 e 8 Gb, que destacaría pola súa pantalla táctil capacitiva de 8 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 (4:3), cámaras de 2 Mpíxeles e VGA, e véndese a 219 e 229 euros respectivamente.
Todos estes tablets de Energy Sistem inclúen auriculares, adaptador de corrente, cable USB, pano para limpar a pantalla e funda de transporte.

Energy Sistem estrea 3 tablets con Android para adaptarse a distintas necesidades

PUBLICIDADE