Energy Sistem levará Android ao televisor

martes, 14 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Utilizar dispositivos con Android 4.0 para dotar de intelixencia aos televisores de alta definición que non poden presumir de seren Smart TV é unha tendencia que parece imparable, e o xeito de seguila de Energy Sistem concretarase o vindeiro día 27 no Energy Android Smart TV Box, un reprodutor multimedia conectado, que integra sintonizador de TDT de alta definición, de xeito que serve tanto para executar aplicacións para Android como para reproducir contidos multimedia e ver e gravar da TDT.
Este pequeno dispositivo (de 13 x 13 x 3 centímetros) pode conectarse ao televisor mediante HDMI ou vídeo composto; corre o sistema operativo Android 4.0 grazas ao seu procesador ARM Cortex A9 e a 512 Mbytes de RAM; ten un almacenamento interno de 4 Gb ampliables mediante tarxetas SD de ata 64 Gb, conectividade Wi-Fi N e Ethernet e dispón de 3 portos USB para poder conectarlle rato, teclado, webcam ou unidades de almacenamento externas, de xeito que podemos empregar o televisor coma se fose un ordenador de verdade. Tamén inclúe un mando a distancia, para que non sexa preciso o uso de accesorios informáticos para poder tirar proveito deste interesante trebello.
O Energy Android Smart TV Box é compatible con unidades de disco con formato FAT, FAT32 e NTFS e pode reproducir os formatos multimedia máis populares ata resolucións de 1.080p. O seu prezo de venda será de 89,90 euros.

O Energy Android Smart TV Box achega Android 4.0 aos televisores

PUBLICIDADE