Engadget adianta o que será o Sony Ericsson Xperia Play

mércores, 26 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

A xente de Engadget non para de sorprendernos con primicias, e adiantan o que será o Sony Ericsson Xperia Play (tamén coñecido coma PlayStation Phone), que sería a nova plataforma de xogo portátil desenvolvida por Sony Ericsson e da que posiblemente haxa que agardar ao Mobile World Congress de Barcelona para coñecer máis detalles.
No tocante ao hardware dende Engadget amosan un móbil HSDPA con Android 2.3, pantalla multi-táctil de 4 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, un chipset Qualcomm MSM8655, procesador de 1 núcleo que podería funcionar ata a 1 GHz, 512 Mb de RAM, un chip Broadcom BCM4329 (capaz de dotar ao terminal de Wi-Fi N, Bluetooth 2.1 e radio FM) e cunha potencia capaz de rivalizar con terminais coma o LG Star. Conta cunha parte deslizante que, en vez de amosar un teclado, agocha uns controis de xogo como a PSPgo, o que faría este dispositivo máis atractivo para xogar que as pantallas táctiles (especialmente en xogos que necesitan certa precisión no seu manexo, coma títulos de plataformas ou de loita, cuxa experiencia de uso con mandos virtuais pode resultar frustrante).
No que a software se refire, estamos ante un terminal con Android 2.3 que incorpora as aplicacións propias de Sony Ericsson para a familia X10 con algunhas modificacións (mentres Timescape continúa inalterada, Mediascape dispérsase en múltiples widgets). Tamén incorpora unha aplicación chamada PlayStation Pocket da que pouco se sabe, pero que podería ser ferramenta para a xestión de xogos descargables.
Para probar a experiencia de xogo, a xente de Engadget cargou emuladores de PlayStation e GameBoy Advance, e tras mapear debidamente os controis conseguiron unha experiencia de xogo máis que aceptable en títulos coma Super Mario Bros 4, Ridge Racer Revolution, Tony Hawk’s Pro Skatere Gundam Battle Assault 2, coma podemos ver no vídeo a continuación:

PUBLICIDADE