Entréganse en Vigo os Premios Spin-Off PuntoGal

martes, 15 de novembro do 2022 Redacción

As empresas Casa Grande de Xanceda e Indestia e o grupo de Investigación Sistemas Informáticos de Nueva Generación (SING) recibiron hoxe no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo os galardóns da VI edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que distingue as empresas e grupos máis innovadores de Galicia.
A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández Tapias, a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio e a concelleira de Urbanismo do Concello de Vigo, María José Caride, asistiron ao acto.
Durante a súa intervención, Fernández Tapias destacou que a innovación e a investigación son xeradoras de emprego en Galicia e reivindicou o papel da muller na ciencia. Destacou as cualidades dos premiados nesta edición e apuntou que as administración teñen a obriga de estar ao carón das empresas que apostan pola innovación.
Pola súa banda, María José Caride referiuse á importancia de premiar a transferencia de coñecemento, como fan estes premios, e destacou a ilusión que mostraron os premiados á hora de facer o seu traballo xa que considera que é un factor fundamental para conseguir que un proxecto empresarial ou de investigación teña éxito.
Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal, indicou que a investigación en España atópase fundamentalmente en mans das universidades polo que é necesario potenciar a transferencia á sociedade. Tamén destacou a calidade das candidaturas gañadoras nesta edición dos galardóns.
A vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio, apuntou a necesidade de que os fondos Next Generation da UE poidan empregarse en Galicia para corrixir as deficiencias en materia de transferencia de tecnoloxía existentes na Comunidade Autónoma.

Empresas premiadas

O investigador Hugo López foi o encargado de recoller o premio en nome do grupo SING

Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de nova creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora recentemente, a gañadora foi Indestia S.L, spin-off da Universidade da Coruña, pola posta en marcha e desenvolvemento de PhotoIlike, unha ferramenta baseada na intelixencia artificial que permite seleccionar as fotos que van ter maior impacto entre o público e que, polo de agora, aplícase especialmente no sector inmobiliario. Neste apartado foi distinguida como finalista a empresa Diversa Technologies.
En Grupos de Investigación, o xurado elixiu como gañador ao grupo SING, adscrito á Universidade de Vigo e que desenvolve o seu traballo no campus de Ourense. Conta cunha sólida traxectoria no campo da investigación biomédica e a ciberseguridade e distínguese por ter unha ampla representación de mulleres entre o seu corpo de investigadores.
"Para nós, este premio supón un recoñecemento moi importante ao labor de investigación e transferencia que estamos a facer dende o grupo fai anos. As candidaturas que se presentaron a esta convocatoria na categoría de Grupos de Investigación eran todas moi potentes, polo que ter sido galardoados supón para nós unha valía máis”, sinala Florentino Fernández-Riverola. Porén, engade, “este recoñecemento non é só para o persoal do noso grupo, senón tamén para os nosos colaboradores habituais e os centros dos que formamos parte, que son o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), recentemente acreditado polo ISCIII". O galardón foi recollido en nome de SING polo seu investigador Hugo López.
Por último, Casa Grande de Xanceda obtivo o galardón no apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras cunha traxectoria de prestixio Neste caso a marca conta cunha historia de case medio século no rural galego e apostou polo compromiso co medio ambiente, o coidado dos animais e a defensa de causas sociais como darlle visibilidade ao papel da muller no mundo rural. Destacouse ademais a calidade dos seus produtos, que contan cun selo ecolóxico e poden atoparse en diversos puntos da xeografía española.
Entre os obxectivos destes galardóns figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. Tamén se tiveron en conta polo xurado factores como a capacidade de internacionalización dos proxectos presentados e a participación da muller nestas iniciativas.
Os integrantes do xurado foron as investigadoras María José Malmierca, Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, o representante da Secretaría Xeral de Universidades, Faustino Infante Roura, e a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín. En anteriores edicións destes galardóns xa foron premiadas empresas consolidadas e de longa traxectoria como Mestrelab ou Innolact, xunto a outras que se distinguiron por achegar innovacións importantes ao tecido empresarial galego como Situm ou All Genetics.

Fotografía de grupo cos galardoados neste edición dos Premios Spin-Off PuntoGal

PUBLICIDADE