Epson pretende comercializar o reloxo GPS máis lixeiro do mercado

mércores, 22 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Imaxe conceptual do futuro reloxo GPS de Epson, que persegue pesar menos de 50 gramos e ter un grosor de só 13 mm

Os afeccionados ao deporte en exteriores están a revitalizar o sector dos dispositivos GPS distintos aos móbiles con reloxos deportivos que permiten rexistrar os seus percorridos para facer un seguimento dos adestramentos, e aínda que o normal é que esteamos ante dispositivos de grande tamaño para levar no pulso, Epson quere facer estes trebellos máis cómodos, e anuncia a súa entrada nesta grama de produtos co que aseguran que será o monitor GPS deportivo máis lixeiro do mercado.
O produto chegará inicialmente ao mercado nipón durante este mesmo ano, para venderse logo no resto de mercados, prometendo un tamaño compacto (13 milímetros de grosor), unha autonomía de ata 12 horas cunha única carga, un peso inferior a 50 gramos e unha resistencia á auga de 50 bares (o que equivale a 50 metros de profundidade, polo que podería empregarse na ducha e mesmo nadando).
Este dispositivo GPS permitirá que os seus usuarios poidan coñecer a súa velocidade e distancia percorrida sobre a marcha, para optimizar os seus adestramentos, podendo despois empregarse a información recollida en numerosos servizos web orientados tanto ao deporte como á saúde, que están a cobrar certo peso nos últimos meses.

PUBLICIDADE