Esta semana sairá á venda a cazadora interactiva de Levi’s

luns, 25 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A primeiros de ano Google anunciou que estaba a colaborar con Levi’s no proxecto Jacquard, iniciativa coa que pretendían desenvolver tecidos cos que interactuar de xeito táctil introducindo nos mesmos fíos condutivos nos que se mestura unha delgada aliaxe metálica con fíos sintéticos e naturais para conseguir un tecido co que poidan traballar teares industriais e así poder facer auténtica tecnoloxía para vestir, e finalmente o primeiro produto froito desta colaboración está a piques de chegar ás tendas estadounidenses.
Trátase da Levi’s Commuter Trucker Jacket, unha cazadora adaptada para facer máis cómodas os desprazamentos ao traballo en bicicleta ou simplemente os paseos pola rúa, xa que neses momentos fai doado responder unha chamada entrante, escoitar unha mensaxe de texto ou saltar unha canción durante a reprodución de música simplemente interactuando coa roupa, e sen ter que sacar o smartphone do peto.
Esta cazadora é sensible ao tacto, de xeito que cando estamos escoitando música podemos tocar unha das súas mangas para facer pausa ou saltar de canción; tamén podemos aproveitar a tecnoloxía integrada para saber por onde temos que ir ao noso destino, o tempo que tardaremos en chegar ou a hora actual; e tamén recibiremos notificacións de chamadas e mensaxes cunha sutil luz LED e unha vibración na manga.
Inicialmente esta cazadora chegará esta semana a un par de tendas a un prezo de 350 dólares (295 euros), converténdose nun produto masivo que poida adquirirse nas tendas de Levi’s e na páxina web da marca a partires do 2 de outubro, cando porase así a proba se existe unha demanda real de roupa tan tecnolóxica.

Vídeo promocional da cazadora de Levi’s con tecnoloxía Jacquard

PUBLICIDADE