Esta semana sairá á venda en Europa o Microsoft Lumia 650

luns, 15 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Windows 10 para móbiles está a ter moitos atrancos para callar no mercado, xa que o sistema operativo aínda parece lonxe de estar pulido e os terminais que chegaron ás tendas co sistema preinstalado teñen prezos moi elevados, e para mellorar a situación o vindeiro xoves vai iniciarse a distribución nalgúns mercados europeos o novo Lumia 650, un atractivo smartphone que venderase en cor branca mate e negra mate a un prezo de 199 dólares (que no caso de Alemaña será de 229 euros, prezos que é moi probable que sexa o que teñamos en España).
Estamos ante un smartphone de deseño metálico, que consegue unha aparencia bastante elegante e busca facerse un espazo entre o uso persoal e o profesional, aínda que parece bastante claro que estamos ante un teléfono orientado claramente ao mundo da empresa, que é onde os teléfonos con Windows 10 poden ter un maior sentido, por ofrecer unha boa integración coa infraestrutura informática corporativa (pode xestionarse mediante MDM e conta con numerosas medidas de cifrado para que a información empresarial estea segura).
O Lumia 650 tamén busca fuxir das enormes dimensións dos terminais actuais, e confórmase cunha pantalla OLED de 5 polgadas (cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles), cun grosor de 6,9 milímetros e un peso de 122 gramos, de xeito que sería un móbil bastante compacto e lixeiro. Integra cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, pode facer uso das aplicacións de Microsoft Office, a nube de OneDrive e o asistente virtual Cortana.
Baixando a especificacións, temos un teléfono con conectividade 4G, procesador Qualcomm Snapdragon 212 de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, NFC e batería de 2.000 mAh, prestacións bastante modestas para o seu rango de prezo.

Vídeo promocional do Lumia 650

PUBLICIDADE