Estréase en Kickstarter un sistema para conectar o aire acondicionado

luns, 12 de maio do 2014 Marcus Fernández

Os proxectos de micromecenado ofrecen cada vez máis dispositivos conectados na súa busca de nichos de mercado e para demostrar a súa viabilidade económica, e nesa liña está a estrearse en Kickstarter a empresa xermana Tado Inc., que propón unha solución para facer intelixente o aire acondicionado do noso fogar.
O tadoo Cooling estaría composto por dous elementos: un sistema para conectar o noso aire acondicionado á Rede e unha aplicación móbil para xestionar remotamente o seu control. O dispositivo de tadoo sería algo semellante a un mando a distancia universal, xa que empregaría os infravermellos para comunicarse co noso sistema de aire acondicionado actual, o que permite que remotamente o controlemos, o que pode resultar de grande utilidade para prender o aire para que cando cheguemos ao fogar este xa teña unha temperatura axeitada, contando tamén cun sensor de humidade para que o sistema poida manter o nivel de humidade que fixemos dun xeito automático.
Un dos detalles curiosos deste dispositivo é que emprega tecnoloxía Bluetooth para detectar o noso smartphone e saber así cando nos movemos polo fogar (o que sería unha especie de sensor de presenza). Tamén conta con Wi-Fi para conectarse á nosa rede doméstica ou ao móbil, integra unha matrix LED moi discreta para amosar información de xeito visible só cando queiramos e a súa superficie é capacitiva para poder controlar o aire acondicionado de xeito presencial.
A aplicación móbil para esta solución conectada estará dispoñible para iOS e Android; fai uso de servizos de xeolocalización (para saber cando estamos fóra da casa); permite levar un control estatístico do noso comportamento, a temperatura e a actividade do sistema de aire acondicionado; comunicándose por Bluetooth co dispositivo de tadoo permite que, se levamos o móbil no peto, o sistema poida adaptarse aos novos movementos polo fogar; e permite establecer a configuración dos nosos sistemas de aire acondicionado dun xeito cómodo e doado.
As primeiras quiñentas unidades do tadoo Cooling poderán adquirirse por 69 dólares (uns 61 euros cos portes incluídos), o que supón un importante aforro con respecto aos 149 dólares polo que pretende venderse o produto na súa fase comercial ordinaria. Os que non cheguen a tempo para facerse cunha destas unidades máis económicas poderán mercar a unidade por 99 dólares. De superar os 150.000 dólares en Kickstarter (o que parece que conseguirán en poucas horas en vista do bo ritmo de apoios que están a acadar) o produto remitiríase aos mecenas no mes de agosto.

PUBLICIDADE