Estudantes universitarios e de bacharelato coñecen de preto a innovación no CITIC
xoves, 31 de outubro do 2024
O CITIC da UDC recibiu os días pasados a visita de dous grupos de estudantes do Grao en Ciencia e Enxeñería de Datos da Universidade da Coruña, como parte das súas iniciativas para achegar a investigación e a innovación ás novas xeracións de profesionais en tecnoloxía.
Ademais, esta semana vinte estudantes coruñeses do Colexio Plurilingüe Compañía de María e once alumnos e alumnas do IES Eusebio da Guarda, ambos grupos pertencentes ao Bacharelato de Excelencia en Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM), tamén visitaron o CITIC, dentro do programa dirixido aos expedientes máis destacados do primeiro curso de bacharelato.
Durante a súa estadía no centro da UDC as e os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer en detalle os proxectos de investigación en curso e as infraestruturas do centro.
As visitas comezaron no Demostrador Tecnolóxico, onde probaron diferentes prototipos do persoal investigador do CITIC. Ademais, comprobaron o funcionamento das lentes Hololens de Realidade Aumentada, visualizando diferentes escenarios, como unha visita virtual ao CITIC ou actividades como a simulación do voo dun dron. A continuación, na sala de robótica, coñeceron can robot do centro, que entre as súas funcións pode realizar planos 3D de instalacións, un brazo industrial, empregado por exemplo en cadeas de montaxe, ou o robot Summit, que ten varias cámaras para unha monitorización externa.
No laboratorio 3D, o alumnado puido ver as impresoras de resina, de filamento e de po de nailon e na sala de Realidade Virtual deron conta de distintas simulacións da vida real orientadas a persoas con diversidade funcional, como por exemplo preparar un almorzo.
“Estas visitas permítenlles aos estudantes, tanto universitarios como de bacharelato, familiarizarse co entorno de investigación e ter unha visión práctica das posibles saídas profesionais no ámbito das TIC”, explicaron fontes do centro da UDC, engadindo que “ao achegarse á investigación e ao desenvolvemento tecnolóxico, estas experiencias fomentan unha formación completa e práctica para os futuros profesionais do sector”.