Europa, líder en receptividade cara ao software libre

martes, 30 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

En cuestión de adopción e receptividade de cara ao software libre, non todos nos comportamos do mesmo xeito. Hai quen o recibe cos brazos abertos e hai quen cambia de tema cada vez que escoita falar de programación aberta. Logo, entre un extremo e outro, unha chea de países. Con todo, até nesas medianías existen as súas diferenzas. Entre as sociedades máis receptivas ao código aberto e, en contra do que moitos e moitas pensaban (se cadra aínda se mantén a teima de ligar o emprego de software libre con países en vías de desenvolvemento), atópanse as europeas, e máis concretamente as de Francia e Alemaña.
Este dato, achegado por unha enquisa de Actuate e reflectido en MuyComputer, provén dun estudo feito pola dita firma consultora sobre unha base de 1.000 profesionais das novas tecnoloxías da información de todo o mundo.
O informe, de periodicidade anual, achega información salientable sobre Europa, un continente ao que en determinados ámbitos se lle considera máis inclinado cara o proteccionismo no software e que nesta enquisa semella ir pola vía inversa, co 61,6% e o 63,6% dos profesionais franceses e alemáns (respectivamente) asegurando que as ferramentas abertas son as súas opcións preferidas.
A investigación achega datos sobre o uso real destes recursos: o 51% dos especialistas en redes de Alemaña empregan programación aberta de xeito activo, situándose a porcentaxe no 43% no Reino Unido, no 42% en Francia e no 40% en Estados Unidos.

PUBLICIDADE