FIFA 22 probará en breve o xogo cruzado

martes, 3 de maio do 2022 Marcus Fernández

EA Sports adianta que en breve probará a función de xogo cruzado para PlayStation 5, Xbox Series X|S e Stadia no seu xogo estrela, EA Sports FIFA 22, de xeito que será posible botar partidas contras amigos que teñan unha plataforma distinta da nosa e incluso participar en competicións en liña contra xogadores de distintas plataformas.
Para evitar problemas esta nova funcionalidade estará dispoñible só en dous modos de xogo (as tempadas en liña e os partidos amigables) e para poder gozar destes modos en probas será preciso seleccionalo nunha opción que aparece no menú principal do FIFA 22, que serve para entrar e saír do programa de probas do xogo cruzado.
O xogo cruzado no FIFA 22 non afecta á xogabilidade ou ao matchmaking, pois considerará que os usuarios das outras plataformas son iguais que os da nosa plataforma, o que basicamente facilita que podamos xogar cunha base de usuarios moito máis grande, superando un atranco moi habitual no xogo en liña que conta con grande rexeitamento, xa que os xogadores o que queren e xogar con outras persoas con independencia do hardware que utilicen.

PUBLICIDADE