FIFA Manager 14 será a derradeira entrega da súa serie

martes, 26 de novembro do 2013 Marcus Fernández

A finais de 2010 agardábase a chegada do xogo NBA Elite 11 para a campaña de Nadal, e a poucos días do seu lanzamento anunciouse que EA Sports tiraba a toalla, e ante a imposibilidade de conseguir un xogo que puidese competir dignamente con NBA2K11 preferiron non publicar o seu xogo de baloncesto anual; e agora parece que a historia repítese, e Gerald Köhler, fundador e deseñador da franquía FIFA Manager de EA Sports publicou unha carta aberta na que asegura que a súa derradeira entrega será FIFA Manager 14.
Köhler asegura que os xogos de xestión de equipos de fútbol convertéronse nun xénero moi sofisticado e especializado, que concentran os seus xogadores practicamente en dous países (Reino Unido e Alemaña) onde nos últimos anos foi outro xogo o que dominou o mercado, chegando a un momento no que, de ter que manter viva a franquía, terían que darlle un importante pulo cun novo motor e unha nova tecnoloxía de xogo en liña, o que sería unha aposta sumamente arriscada, de xeito que podemos dicir que FIFA Manager recoñecer verse derrotado polo Football Manager.
O responsable da franquía iniciada en 2002 aproveita a ocasión para agradecer aos seus seareiros o apoio dos últimos anos, asegurando que intentarán manter a presenza na Rede do FIFA Manager o máximo posible, aínda que o feito de que a súa última entrega rece na súa portada que se trata dunha Legacy Edition deixa claro que o xogo carece da confianza do seu editor (tal advertencia indica que se trata dunha versión vella do xogo á que limitáronse a actualizar os datos do mesmo, como os cadros de xogadores nos distintos equipos).

FIFA Manager non foi quen de conseguir facerse un sitio nun nicho de mercado dominado polo Football Manager

PUBLICIDADE