Face Training axuda a facer ximnasia facial coa Nintendo DSi

mércores, 20 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Este martes na Casa da Auga de A Coruña, a experta en expresión e ximnasia facial, María Garrigues-Walker, explicou as vantaxes de tonificar os músculos da cara e o pescozo, o que axuda a manter unha aparencia máis relaxada e ter unha actitude mellor ante a vida, podendo empregarse para tal finalidade a asistencia de Face Training, unha aplicación para a Nintendo DSi e DSi XL que apoiándose na cámara da consola portátil de Nintendo guía ao usuario na realización de distintos exercicios faciais, á vez que establece un calendario para facer un seguimento da práctica persoal, moi na liña do Brain Training.

Relaxar os ollos é unha das posibilidades que ofrece o Face Training

O Face Training ten coma lema descritivo «Ejercicios de Fumiko Inudo para fortalecer y relajar la cara», co que pretenden describir un programa de ioga facial que pode entenderse tanto como un xeito de tonificación do rostro ata unha técnica de relaxación (especialmente se pensamos na relaxación dos ollos ou do pescozo). Os exercicios foron seleccionados por Fumiko Inudo para manter en forma os músculos da cara, baseándose nos principios formulados polo anatomista alemán Wilhelm Roux, ou sexa, que entenden que canto máis se traballen os músculos da cara, máis áxiles estarán, o que comprobaron mediante estudos realizados medindo a temperatura da cara antes e despois dunha sesión de ioga facial, comprobándose que este tipo de exercicios melloran a circulación do sangue, o que pode axudar a acelerar o metabolismo e dar unha cor saudable á pel.
María Garrigues-Walker defende este tipo de prácticas asegurando que na actualidade hai moitas persoas que coidan o seu corpo pero esquecen a súa cara, pero cuns sinxelos exercicios poden acadarse resultados sorprendentes, o que queda patente no caso Garrigues-Walker, quen emprega a ximnasia facial nunha «loita intelixente contra o envellecemento e, por tanto, unha alternativa real á cirurxía».
Coma non todo o mundo pode asistir a clases presenciais de ximnasia facial, a posibilidade de ter un adestrador persoal con forma de Nintendo DSi cobra moito atractivo, de mediante o Face Training podemos practicar distintos exercicios consistentes en movementos lentos e conscientes dos músculos da cara, agrupados en distintos módulos, de xeito que podemos elixir se queremos traballar un músculo ou unha zona da cara en concreto, á vez que podemos coñecer os músculos que afecta cada exercicio, ao igual que o Brain Training facía coas rexións do cerebro, de xeito que os usuarios familiarizados co popular programa do Dr. Kawashima poderán afacerse ao Face Training en poucos minutos, xa que as mecánicas de ambas aplicacións son moi semellantes.

PUBLICIDADE