Fernando Suárez repite á fronte dun equipo de goberno do CPEIG sen grandes renovacións

luns, 30 de novembro do 2015 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de referendar a equipa directiva liderada por Fernando Suárez nos procesos electorais internos que se desenvolveron os días pasados e resolvéronse finalmente este sábado. Segundo fan saber fontes da entidade, Fernando Suárez Lorenzo resultou reelixido como presidente. Ademais, a nova xunta de goberno do colexio ficou na súa meirande parte do mesmo xeito que no anterior período (aínda que hai remuda no vicesecretario, no tesoureiro, na vicetesoureira e nos vogais). Deuse a circunstancia de que a candidatura do equipo de Fernando Suárez foi a única que se presentou á renovación da xunta de goberno. Resultou reelixida por aclamación.
A composición da directiva ficaría do seguinte xeito: como presidente, Fernando Suárez Lorenzo; Juan Otero Pombo, vicepresidente; Juan José González Cid, secretario; Roberto Vieito Raña, vicesecretario; Francisco Javier Rodríguez Martínez, tesoureiro; Lorena Otero Cerdeira, vicetesoureira; Francisco Javier García Tobío, vogal 1; María Pilar Vila Avendaño, vogal 2; José Manuel Vázquez Naya, vogal 3; e Iván Luis Vázquez, vogal 4.
Segundo fixo saber o novo equipo, este comprométese a proseguir coas iniciativas “de carácter social do colexio”, como a formación e a concienciación a menores e colectivos desfavorecidos, así como a seguir na liña de achegamento e colaboración coas administracións. Do mesmo xeito, engadiu a nova directiva, fomentarase a participación das persoas colexiadas nas comisións “a prol dunha maior contribución ao devir do CPEIG”. Tamén se vai facer fincapé en achegar o colexio ás cámaras de comercio e intensificar a oferta de formación. Polo que atinxe ao labor de defensa da profesión que representa na nosa terra e alén dela, a nova directiva anunciou que continuará “cos labores de recoñecemento da Enxeñaría e Informática”, cometido que pasa pola súa regulación, “situándoa ao nivel do resto de enxeñarías”. Deste xeito, explica o equipo de Fernando Suárez, “potenciarase a implicación nos órganos de decisión nacional como é a participación na Xunta de Goberno do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática de España (CCII nas súas siglas en castelán), así como a potenciación da colexiación”.
Máis en detalle, a campaña de busca de novos membros incidirá nos enxeñeiros maiores de 40 anos de idade, un colectivo que en palabras do CPEIG, “adoita estar traballando en postos de responsabilidade, con familia e pouco tempo libre”. O colexio comprometeuse a fornecerlles servizos e conferencias de fin de semana, tanto como relatores como no papel de público.

Fernando Suárez Lorenzo
Nado en Ferrol en 1973, é enxeñeiro en Informática pola UDC. A día de hoxe, como lembraremos, é responsábel de Innovación no Concello de Santiago de Compostela. Primeiro presidente do CPEIG, tamén é vicepresidente primeiro do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática de España. Ademais, é director do Curso Superior de Administración Electrónica da EGAP e profesor do Máster Universitario de Sociedade da Información e do Coñecemento da USC. Tamén é membro das comisións redactoras dos estudos de Enxeñaría en Informática nas tres universidades galegas.

PUBLICIDADE