Filmin: un portal feito con mans galegas para saírlle ó paso ós consumidores de audiovisual

xoves, 29 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Na actualidade, inaugurar un espazo web non é garantía xa de estar innovando, do mesmo xeito que tampouco se esculca no futuro gravando un filme coa cámara en constante movemento ou escribindo un libro sen puntuación. De feito, se pensamos en facer algo moderno é moi probable que o 99% do que se nos ocorra sexan vieiros xa transitados. Isto é aplicable a todo, mesmo ó audiovisual, eido que anda especialmente necesitado de novas ideas, sobre todo no que se refire ás canles elixidas para achegalo ós espectadores.
Desta necesidade de atopar novos diálogos xorde precisamente a web e plataforma Filmin, espazo de contidos cinematográficos ser posto en marcha polo selo galego Continental en alianza con El Deseo, Golem, Tornasol, Vértigo Films, Wanda Visión, Alta Films e Cameo.
A idea, segundo nos contou persoalmente Pancho Casal (presidente da dita produtora galega) era evitar a toda costa o nacemento dun proxecto vello, limitándose a habilitar un espazo web como tenda virtual de curtas e longas. Non. A idea semella ir alén diso e é máis ambiciosa: vai directa a achegarse o máis posible a mudar de raíz a mentalidade das produtoras á hora de relacionarse cos espectadores, dispoñéndoos (igual ca na nova orde de Internet) como protagonistas. En certa maneira, Filmin (consiga ou non os seus obxectivos) é xa unha tentativa de estar onde están os consumidores e de ir poñendo as pedras do que ben podería chamarse “cinema 2.0”.
Falamos agora con Pancho Casal, presidente de Continental
-O audiovisual e a Rede están condenados a entenderse?
-Non hai alternativa. Os que producimos contidos temos que estar onde están os consumidores de contidos e sexan do tipo que sexan. Non se pode entender xa o futuro do audiovisual e a súa viabilidade sen estar na Rede. Todo elo non quita que este tipo de consumo e participación conviva con outros xa existentes e igualmente imprescindibles para a súa existencia e independencia como o cine, a televisión, o DVD, etc.
-Que é o que queriades facer co proxecto Filmin? Apostar radicalmente por un novo tipo de relación entre creadores (por unha banda) e consumidores (pola outra) ou ser continuístas con respecto ó que xa existe, pero na Rede?
-É a aposta máis importante a curto/medio prazo de todas as empresas implicadas tanto dende o punto de vista da dedicación coma o financeiro. Creo que a nosa capacidade de crear contidos de todo tipo como o equipo de máximo nivel que se incorpora a Filmin posibilítanos ser optimistas no obxectivo de que Filmin sexa o portal audiovisual de referencia no eido iberoamericano. Non supón so mudar de medio, supón, e somos conscientes diso, un cambio de mentalidade e de maneira de relacionarnos cos espectadores que pasan a ser tamén protagonistas. É un esquecer o anterior para aprender sen ataduras , tomando prestada a experiencia de todas as nosas compañías.
-Poderíamos dicir que Filmin é un proxecto fillo do seu tempo?, é dicir, un proxecto 2.0, participativo e social?
-Sen dúbida é ese é o obxectivo principal e a filosofía da web. Cremos que unha mera tenda virtual sería botar a andar xa sendo antigos...
-Os consumidores de produtos audiovisuais temos case todos a mesma queixa: é caro de máis ver cinema, levalo para o fogar ou mesmo facelo. Podería entenderse Filmin como unha aposta por unha meirande facilidade de acceso a eses produtos? Será posible gozar do audiovisual de balde nesta plataforma ou haberá que pagar por todo o que se vexa ou se descargue?
-Non coincido en que sexa caro comparado con outros produtos culturais. Por exemplo o prezo dun DVD é semellante ao dun CD de música e os custes de produción dunha película son cando menos 50 veces superiores. Haberá contidos gratuítos e de pago, e todos eles de moi alta calidade.
-Calquera internauta terá acceso a Filmin? Ditou doutro xeito: se eu por exemplo teño unha curta que amosar ó mundo, poderei facelo a través de Filmin ou será un espazo reservado para os produtos das produtoras e distribuidoras que o puxeron en marcha?
-Estará aberto a todos os profesionais e afeccionados, e non descartamos que sexa un viveiro para descubrir talento para as nosas produtoras.
-Que servizos se irán incorporando paseniño a esta plataforma?
-Todos os descritos na presentación máis blogs; servizos de acceso á profesión audiovisual tanto de maneira profesional como afeccionada; formación en liña e a curto/medio prazo descarga de contidos en HD.
-Cantos anos de traballos audiovisuais ides abranguer con este proxecto?
-A idea é envorcar neste portal os contidos audiovisuais de todos os socios ao longo da súa historia que xa é moita. Sen lugar a dúbidas imos ser o portal con máis dereitos no ámbito Iberoamericano.
-Que podemos atopar os espectadores galegos na nosa lingua que sexa de interese para nós e para a industria en xeral?
-En principio achegarmos todos os contidos de Continental en versión galega, e agardamos incorporar moitos contidos de outras produtoras galegas coas que esperamos chegar a acordos.

PUBLICIDADE