Fíltran as especificacións e o prezo do BlackBerry Priv

xoves, 22 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Parece que o primeiro smartphone de BlackBerry con Android xa está a piques de chegar ás tendas, e non teremos que esperar a que a compañía anuncie as súas especificacións, xa que varias páxinas webs, entre as que está a da cadea de tendas Carphone Warehouse (nome que ten no Reino Unido The Phone House), de xeito que xa sabemos moitos detalles do BlackBerry Priv e incluso o seu prezo, que sería moito máis caro do que ao público lle gustaría, de xeito que no mercado norteamericano custaría 749 dólares (672,64 euros) e no Reino Unido chegaría ás 580 libras esterlinas (801,42 euros).
Este novo smartphone 4G tería unha pantalla AMOLED de 5,4 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 808, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB, cámaras de 18 e 2 Mpíxeles, batería de 3.410 mAh e Android 5.1.1, o que son unhas prestacións bastante boas, que estarían na liña de, por exemplo, o LG G4, terminal que custa menos de 450 euros en España e 325 libras esterlinas no Reino Unido, polo que é normal que a impresión que se teña do novo terminal de BlackBerry é que ten un prezo esaxerado, xa que a principal diferenza co smartphone insignia de LG sería o teclado QWERTY deslizante e o software de BlackBerry, características que poucos usuarios valorarán nuns 350 euros, prezo polo que xa hai smartphones bastante potentes.
No Reino Unido esperan comezar a comercializar o novo smartphone de BlackBerry o 6 de novembro.

O BlackBerry Priv ten unhas especificacións bastante correntes, sendo o máis rechamante do seu deseño o contar cun teclado QWERTY deslizante

PUBLICIDADE