Fíltranse fotografías do tablet Nexus 10

venres, 26 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Imaxe do Nexus 10 filtrada polo blog BriefMobile

Adiantándose á presentación que Google ten programada para o vindeiro luns, un blog adiantou fotografías do produto que parece que será o Nexus 10, tablet fabricado por Samsung que funcionará con Android 4.2 (que comentan que podería continuar a chamarse Jelly Bean sen saltar ao alcume de Key Lime Pie) e que melloraría o catálogo de tablets de Google, composto actualmente polo Nexus 7 con pantalla de 7 polgadas e que tamén actualizaríase para incorporar a nova versión de Android.
O Nexus 10 contaría cun procesador Exynos 5250 de dobre núcleo a 1,7 GHz, gráfica ARM Mali-T604, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, NFC, cámaras frontal e traseira e, especialmente, unha pantalla AMOLED de 10,1 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles, o que superaría considerablemente ás pantallas Retina de Apple.
O luns sairemos de dúbidas sobre este dispositivo que, de ter un prezo competitivo, podería ser un grande competidor do novo iPad.

O Nexus 10 contará con 2 cámaras (en contraste co Nexus 7, que só ten cámara para videoconferencia)

PUBLICIDADE