Fíltranse un par de novos smartphones de Sony

venres, 31 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Anticipándose ao seu anuncio oficial, filtráronse a través da Internet tanto fotografías como as especificacións completas dun par de smartphones de Sony que destacan conseguen destacar polos seus marcos reducidos ou pola súa cámara, manténdose nunha gama media-alta, deixando claro que Sony ten moito que ofrecer máis alá dos seus emblemáticos Xperia Z.
Por unha banda temos o enorme Sony Xperia C5 Ultra, un smartphone con pantalla Full HD de 6 polgadas que en Rusia (país de onde vén a filtración destes terminais) custaría uns 22.000 rublos (324 euros) o que é un prezo aceptable para un smarphone cun procesador MediaTek MT6752 de 8 núcleos a 1,7 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), NFC, dobre SIM, batería de 2.930 mAh e a curiosidade de que tanto a cámara frontal como a traseira teñen sensor de 13 Mpíxeles e flash. Tamén destaca por ter un marcos ao redor da súa pantalla de só 0,8 milímetros.

O Sony Xperia M5 resulta moi interesante para os que busquen un smartphone cunha boa cámara que non teña un prezo esaxerado

Para un público máis amplo chegaría o Xperia M5, cunha pantalla Full HD de 5 polgadas, procesador MediaTek Helio X10 de 8 núcleos a 2 GHz, 3 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD) cámaras de 21,5 e 13 Mpíxeles, resistencia IP65/68 ao po e á auga e batería de 2.600 mAh, que tería un prezo duns 25.000 rublos (368 euros), de xeito que conseguiría entrar a competir con moitos dos smartphones de alta gama do mercado, por ofrecer unhas prestacións semellantes a un prezo inferior.

PUBLICIDADE